Ir al contenido
Iniciativas culturais
17 Decembro 2025
|

A editorial Serra dá Groba lanza a súa tenda online: as historias do Real Mosteiro de Oia agora viaxan polo mundo

Serra da Groba Edicións

Un paso máis na divulgación do patrimonio cultural galego

A Fundación Bretal dá un novo impulso ao seu labor de difusión cultural co lanzamento da tenda en liña da editorial Serra da Groba Edicións, un proxecto que abre unha xanela ao mundo para compartir as historias, investigacións e relatos inspirados no Real Mosteiro de Oia e na Serra dá Groba, territorio cheo de historia, lendas e patrimonio natural.

Ata o de agora, os libros publicados pola editorial só podían adquirirse no propio Mosteiro, na Librería Librouro de Vigo e na Librería Atlántica na Guarda. Con esta nova tenda dixital, calquera lector —desde Galicia ou desde calquera outro recuncho do mundo— poderá descubrir e adquirir estas obras que unen historia, memoria e literatura.

Os catro libros que abren a nova etapa dixital

A nova tenda online da Fundación Bretal:www.tiendafundacionbretal.com xa reúne catro títulos dedicados á historia e ao patrimonio do Real Mosteiro de Oia, tres deles creados integramente pola editorial Serra da Groba, xunto cun cuarto volume que, aínda que non foi producido por esta editorial, comparte temática e interés polo legado cisterciense:

  • A Figueira Máxica – Dalia González Puído. Unha novela xuvenil en galego que mestura historia e fantasía. Artai e Briana descubrirán que o Mosteiro de Oia esconde un secreto que deberán desentrañar.  Unha viaxe chea de maxia e aventura.
  • En 1939 nos vimos en Oia – F. Javier Costas Goberna. Unha rigorosa investigación sobre o período en que o Mosteiro foi campo de concentración durante a Guerra Civil española. O autor reconstrúe os feitos a través de testemuños de antigos prisioneiros e dos seus familiares, documentos recuperados e os vestixios conservados nos muros do propio Mosteiro.
  • Un monasterio vinculado al mar – Mayte Prieto. Unha obra que percorre os máis de 875 anos de historia do cenobio cisterciense fronte ao Atlántico. A súa autora combina erudición e sensibilidade para, a través da súa historia, explicar por que Oia é o único mosteiro do Císter á beira do Oceáno Atlántico.
  • Ruta do Císter en Galicia - María Berini Pita de Veiga. Unha guía para percorrer Galicia da man da orde do Císter visitando os quince mosteiros que aínda perduran.

Como xorde a editorial Serra da Groba?

A editorial Serra da Groba Edicións naceu en 2019 como iniciativa promovida pola Fundación Bretal, co propósito de identificar, promover e difundir o coñecemento sobre a historia, a arte e o patrimonio da Serra da Groba, un espazo compartido polos concellos de Oia, Baiona, Gondomar, Tomiño, O Rosal e A Guarda.

Máis que unha editorial, é un proxecto cultural integral. Desde a súa creación, colaborou con investigadores, historiadores e escritores para publicar obras que rescatan a memoria do territorio e dan voz á súa riqueza natural e humana. O seu nome rende homenaxe a unha contorna única: a Serra da Groba, un lugar onde conflúen o mar, a montaña e séculos de historia que aínda hoxe seguen falándonos a través da paisaxe.

De Oia ao mundo: a tenga online de Serra da Groba

O lanzamento da tenda en liña supón un fito na estratexia cultural da Fundación Bretal.

“Queremos que as historias de Oia viaxen máis aló dos seus muros e sigan vivas en cada lector”, sinalan desde a Fundación Bretal. “Esta tenda en liña é un paso natural para seguir achegando a historia e o patrimonio galego a novas xeracións.”