Ir al contenido
Iniciativas culturais
30 Marzo 2025
|

O Real Mosteiro de Oia reabre as súas portas para ofrecer unha experiencia única esta semana Santa

Mosteiro de Oia

O Real Mosteiro de Oia convida a coñecer, do 14 ao 20 de abril, os resultados da cuarta campaña arqueolóxica realizada.

Tras un período de peche debido a intervencións para axilizar a recuperación final do cenobio, o Real Mosteiro de Oia reabre as súas portas de maneira puntual esta Semana Santa para ofrecer unha experiencia única e enriquecedora. O motivo principal é dar a coñecer os avances conseguidos nos traballos arqueolóxicos e de investigación, dentro do proceso de recuperación que busca devolver ao mosteiro o seu máximo esplendor.

Visitas guiadas: `O Real Mosteiro de Oia Baixo Estudo’: un percorrido único pola historia e os avances na restauración.

Do 14 ao 20 de abril, o Mosteiro de Oia organiza visitas guiadas especiais para dar a coñecer as últimas novidades sobre os traballos acometidos no complexo. Esta non é unha visita convencional, senón un percorrido exclusivo polo recinto do Mosteiro de Oia antes da súa rehabilitación. Os visitantes poderán explorar o monumento a través dun relato detallado baseado nos traballos realizados polas distintas disciplinas que están a intervir no proceso de recuperación: a arquitectura, a arqueoloxía, a restauración e a historia.

Os asistentes coñecerán novas teorías sobre a evolución construtiva do mosteiro ao longo dos séculos, o que proporcionará unha visión máis profunda sobre a súa importancia histórica e a súa futura rehabilitación. Ademais, mostrarase o resultado da cuarta campaña arqueolóxica que está a revelar o que o tempo ocultou.

As visitas, organizadas pola Fundación Bretal, levaranse a cabo en grupos reducidos e serán acompañadas por guías oficiais, o que permitirá unha experiencia máis personalizada e enriquecedora.

Quendas das visitas guiadas:

  • 11:00h
  • 16:30h
  • 18:15h

É importante destacar que debido ás condicións do edificio, que se atopa en proceso de restauración, as visitas non son recomendadas para cadeiras infantís nin para persoas con mobilidade reducida.

A Treboada: o 20 de abril, un evento para toda la familia

O 20 de abril, o Mosteiro de Oia acollerá A Treboada, un evento que rememora a histórica batalla de 1624 entre monxes e piratas. O evento, cuxo aforo está xa completo, incluirá unha visita especial teatralizada e un torneo de espadas e pistolas para os nenos e nenas, que poderán participar como auténticos heroes e heroínas da historia. Ademais, para completar a experiencia, A Casa da Henriqueta e A Camboa ofrecerán un menú especial Treboada, para gozar da gastronomía local tras a xornada.

Compromiso coa transparencia e a preservación do patrimonio

Tras a exposición organizada en Vigo e a presentación oficial do proxecto de restauración e rehabilitación en setembro do ano pasado, a propiedade do Mosteiro, a través da Fundación Bretal, continúa dando pasos para involucrar ao público no proceso de recuperación deste monumento único.

Ademais, este esforzo, que busca facer partícipe á sociedade dos avances que se están producindo nos últimos anos, ten como obxectivo non só a recuperación do edificio senón a revitalización e dinamización de todo a súa contorna.

En paralelo, os esforzos seguen centrados nas xestións burocráticas necesarias que permitan a intervención e recuperación dun Ben de Interese Cultural único.