ACOMPAÑADA DA SÚA FAMILIA, AMIGOS E DESTACADAS FIGURAS DA CULTURA GALEGA
Nun emotivo acto celebrado no xardín do claustro do Real Mosteiro de Oia, rendeuse homenaxe á historiadora Carmen Manso Porto, a quen se lle outorgou o V Recoñecemento Mosteiro de Oia. Este galardón busca recoñecer o seu incansable labor, a súa dedicación investigadora e a súa estreita vinculación co único mosteiro cisterciense situado a beiras do Océano Atlántico.

Carmen Manso Porto: unha vida dedicada á investigación
Carmen Manso é Doutora en Historia da arte e académica da Academia Auriense-Mindoniense San Rosendo, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia da Historia. Nesta última institución, ocupa desde 1986 un papel crave como responsable da Sección de Cartografía e Artes Gráficas da Biblioteca.
Formada na Universidade Complutense de Madrid, as súas liñas de investigación abarcan desde a arte medieval ata a evolución das ordes mendicantes. Aínda que reside en Madrid desde hai décadas, sempre mantivo un forte vínculo con Galicia e co Mosteiro de Oia.
Unha homenaxe cargada de música, recordos e gratitude
O acto abriuse cunha peza musical interpretada polo guitarrista clásico e investigador Samuel Diz, amigo persoal da homenaxeada. Durante a cerimonia, destacouse a relevancia de Carmen Manso na historia do cenobio, especialmente polo seu estudo histórico-artístico do mosteiro publicado en 1999, unha obra de referencia que sentou as bases para investigacións posteriores.
Na súa intervención, Carmen Manso agradeceu con gran afecto este recoñecemento, lembrando os anos de investigación que compartiu xunto á súa familia en Oia. Tamén puxo en valor o traballo actual da Fundación Bretal, encargada da dinamización cultural do Mosteiro de Oia, e mostrou o seu apoio ao proxecto hostaleiro que busca garantir o futuro do complexo.

Traxectoria dos Recoñecementos do Mosteiro de Oia
O recoñecemento a Carmen Manso Porto súmase a unha serie de homenaxes que o Mosteiro de Oia outorgou nos últimos anos a figuras destacadas vinculadas coa súa historia:
- Joan Salvador, último sobrevivente dos presos no mosteiro durante a Guerra Civil.
- Fernando Javier Costas Goberna, pola súa longa traxectoria na investigación histórica de Oia.
- Grato Amor e Carlos del Río (a título póstumo), polo seu traballo documentando o Camiño de Santiago Portugués da Costa.
- Maxín Picallo, escultor cuxa obra estivo marcada por unha etapa vivida en Oia.
Con cada edición, o Recoñecemento Mosteiro de Oia reafirma a vontade do mosteiro de manter viva a memoria e render tributo a quen contribuíu á súa preservación e estudo.
Un mosteiro que segue creando historia
A actividade cultural do Mosteiro de Oia non se detén. O próximo 28 de outubro, o MARCO Vigo acollerá a proxección do documental que narra os últimos 150 anos do cenobio, cando se transformou en fogar, contado polas propias familias que o habitaron.
Esta homenaxe a Carmen Manso Porto non só recoñece unha traxectoria exemplar, senón que tamén reforza o compromiso do Mosteiro coa difusión da memoria histórica e cultural de Galicia, abrindo un novo capítulo no seu legado vivo.